Saltar ao contido
Vibe coding responsable Guía para publicar materiais educativos creados con vibe coding

Volver á guía

Non depender de servizos que poden desaparecer

As dependencias dun material

Un material depende dun servizo externo cando necesita algo que non está dentro del para funcionar. As formas máis correntes son o contido incrustado doutra web, as bibliotecas de programación e as tipografías que se cargan desde servidores alleos, e as conexións con servizos en liña. Tamén é unha dependencia a plataforma onde se creou o material, cando este só existe dentro dela.

Estas dependencias non se ven ao usar o material. Descóbrense ao ler o código ou ao pedirlle á intelixencia artificial (IA) que as enumere, que é o que pide o punto 4 da avaliación VCER.

Os cambios nos servizos externos

Un servizo externo pode cambiar as súas condicións, pasar a ser de pagamento ou pechar, e o material que dependía del deixa de funcionar sen que o seu autor tocase nada. O artigo «Mantener la “A” de abierto en los REA en tiempos de IA», que o Centro Nacional de Desenvolvemento Curricular en Sistemas non Propietarios (CEDEC) dedica aos recursos educativos abertos (REA), ilústrao co caso dun recurso que incrusta un mapa interactivo dunha plataforma externa. Se a plataforma retira as presentacións gratuítas, o recurso mostra un recadro en branco, e o docente non pode recuperar o contido porque non ten o ficheiro orixinal. O artigo recomenda reservar o contido incrustado para os vídeos e casos semellantes.

O risco non é só que o servizo desapareza. En 2024, o dominio polyfill.io, desde o que máis de cen mil sitios web cargaban unha biblioteca moi utilizada, cambiou de propietario e comezou a servir código malicioso sen que as páxinas afectadas modificasen nada, segundo documentou a empresa de seguridade Sansec. O mesmo artigo do CEDEC advirte doutro risco propio do código xerado por IA, que son as bibliotecas inventadas ou suplantadas por outras de nome case idéntico.

A ligazón dunha plataforma

Cando o material se creou na web dun chatbot ou nunha plataforma para crear aplicacións, a ligazón compartida dura o que a empresa decida. Un cambio no servizo, nas súas condicións ou na conta do docente pode deixar esa ligazón sen efecto, e con ela todas as páxinas que a incrustasen.

O mínimo é gardar no propio ordenador unha copia do código do material e actualizala cando cambie. Con esa copia o material pode recuperarse, publicarse noutro sitio ou seguir traballándose con outra ferramenta. Para que sirva, o material ten que ser unha páxina que se abra por si soa no navegador. Os chatbots máis utilizados, como ChatGPT, Gemini ou Claude, xeran a miúdo a aplicación como un compoñente de React, unha biblioteca de programación moi estendida, que só funciona dentro da súa propia web. Por iso o ficheiro de instrucións para a IA pídelles unha páxina HTML.

O que se carga de fóra

Programar desde cero o que xa resolve unha biblioteca coñecida non é realista, e tampouco o é aloxar dentro do material todo o que utiliza. As bibliotecas que mostran fórmulas, gráficos ou mapas, e as tipografías, poden cargarse de fóra, sempre que procedan dun servizo coñecido e quede constancia delas. Un servizo coñecido tampouco garante que vaia manterse igual, e por iso convén comprobar que deixa de funcionar ao abrir o material sen conexión.

O recomendado é pedirlle á IA que cargue estes recursos de servizos coñecidos e que os anote na nota de decisións da recomendación 7, coa súa licenza. Esa lista non está pensada para o docente, senón para arranxar ou adaptar o material máis adiante, unha tarefa que moitas veces volverá facer unha IA. O que non se pode recuperar doutro sitio, como as imaxes, os textos e os datos propios, convén que estea dentro do material, ou polo menos gardado nunha copia, e non só incrustado desde outra plataforma.

Ao docente interésalle sobre todo unha consecuencia práctica: se o material seguirá funcionando ao abrilo descargado nun ordenador sen internet, por exemplo nunha aula sen conexión. A comprobación non require coñecementos técnicos, xa que consiste en abrir o material, desconectar o dispositivo da rede e volver cargalo. Un exemplo é Tantrix, un xogo de Felip Sarroca que pode instalarse como aplicación e funciona sen conexión despois da primeira visita. A avaliación VCER pídelle á IA que o explique con palabras sinxelas, do tipo «se o abres sen internet, as fórmulas non se verán».