Saltar ao contido
Vibe coding responsable Guía para publicar materiais educativos creados con vibe coding

Presentación

Que é o vibe coding educativo

O vibe coding, nome proposto por Andrej Karpathy en febreiro de 2025, consiste en crear programas informáticos explicándolle a un modelo de intelixencia artificial (IA) o que se quere obter, sen necesidade de escribir o código.

O vibe coding educativo, tal como se entende nesta guía, é a creación de recursos e aplicacións para ensinar e aprender conversando en linguaxe natural cunha intelixencia artificial, que escribe o código, mentres que a persoa achega a intención pedagóxica e comproba o resultado.

Por que esta guía

No grupo de Telegram Vibe Coding Educativo compártense cada vez máis materiais creados con IA, ás veces sen licenza, enviando datos do alumnado a servizos externos ou sen que ninguén máis poida aproveitar o código. A persoa que os publica responde deles, aínda que o código sexa da IA, e a guía propón, a partir do Decálogo do coñecemento aberto, unha forma responsable de facelo.

O vibe coding educativo responsable (VCER) é o que publica materiais seguros para o alumnado, accesibles, duradeiros, transparentes sobre como se fixeron e libres para que outras persoas os reutilicen.

Como comezar

  • Ao crear un material. Darlle á IA o ficheiro de instrucións, que lle indica como seguir as recomendacións.
  • Ao rematalo. Pedirlle a avaliación VCER co ficheiro de avaliación, que sinala o que falta.
  • Para publicar. Con estes dous pasos, a IA ocúpase do mínimo de cada recomendación, agás a revisión do contido, que lle corresponde á persoa.

Ler a guía

Descargar a imaxe
Infografía coas dez recomendacións, as mesmas que aparecen na lista, agrupadas en catro fases: protexer o alumnado, construír o material, documentar o traballo e compartir o material.

Instrucións para crear un material

Ao comezar, achegar o ficheiro na conversa coa IA, ou pegar o texto ao principio, xunto coa descrición do material que se quere crear.

Descargar o ficheiro

Máis información

Instrucións para avaliar o material

Ao rematar, achegar o ficheiro na mesma conversa, ou pegar o texto, e pedir «avalía o material segundo as instrucións».

Descargar o ficheiro

Máis información

A guía nunha animación